6 de marzo de 2012

Ausencias.



Dende que marchaches todo continúa sendo vello, nada é novo. A vida é dura para os pobres e as cousas seguen organizados para que todo continúe igual. Mandan os de sempre e para os de sempre, continuamos vendo como reparten o pastel entre eles e como pasamos toda a vida esforzándonos para chegar a fin de mes esta crise da que tanto falan nos parece o de todos os días. Despois de ter saído de outros pozos non imos asustarnos agora e mentres teñamos ánimo e saúde todo irá ben, por iso non te preocupes.
Direiche que o neno segue sendo rubio, segue medrando e segue aprendendo como calquera outro neno. Témolo limpiño e ben vestido e nunca lle fata un vaso de leite para o almorzo nin un cariño ou unha man para apoiarse e erguerse cando cae. Procuramos ofrecerlle todo o que agora teñen os nenos e parécenos que é un neno feliz.

Sabes, no último ano non pasou un só día no que non pensara en ti. Como sempre acontece, quedaron cousas por dicir e hai novidades que me gustaría contarche. Estamos vivindo xa no noso novo piso, e non, ao final non nos marcharon cos cartos nin deixaron o edificio a medio facer. Estabas preocupada, xa o sei, pero todo foi ben. Agora queda ir pagando cada mes, que a saúde nos respecte un pouco e que deixen de darnos paos e de facernos cada día un pouco máis pobres.

Polo demáis o mundo continúa igual. Agardamos que chova para poñer as patacas e ollamos con preocupación o prematuro florecemento das maceiras e os pexegueiros. De continuarmos así non teremos froita no verán, pero isto xa ven acontecendo nos últimos anos, non é novidade ningunha. Os regatos baixan sen auga e os prados ínzanse de estrugas e herbas da fame, pero na primavera choverá o que non choveu no inverno e aos tres días xa nos cansaremos.

E máis nada por hoxe. Sorpréndome ás veces asubiando aquela melodía que tí cantabas e me sinto contento de recordarte alegre e sorrindo. Espero que tamén ti lembraras con agrado os momentos que pasamos xuntos, as nosas conversas e os nosos paseos pola praza na procura de flores e costeletas. Pois ao final o que nos queda son os momentos de compaña e de cariño que compartimos, e a esas lembranzas acudo cando a tristura pola túa ausencia comeza a medrar. Desexo entón que te sintas acompañada onde queira que te atopes.

Bicos, e ata outro día.




1 comentario:

  1. Tamén decirche que as orellas do neno seguen sendo moi ben feitiñas.
    Moitos bicos

    ResponderEliminar