16 de diciembre de 2013

Aquí estarás ben.

Chegaches como un peixiño bulideiro, como un esquío sen paraxe que ten présa por ver e coñecer. Naciches sen case axuda, un empurrón, dous e fuches escorregando sen apenas facer dano, deixando na memoria da túa nai o recordo de algo morno que se move e que comeza a ser vida e forza e luz e esperanza.

Naciches en apenas media hora, dixeches que vou e xa estabas entre nós, suxeitando entre as mans os días e os desvelos que están por vir. Traías nos ollos a curiosidade dos tempos novos, a certeza de que alguén estaba agardando por tí. Cómo explicarche que xa te queriamos antes de coñecerte? Cómo dicirche que xa formas parte das nosas vidas? 

Non hai palabras, non. Non hai maneira de contarche que o mundo enteiro estará ao teu alcance, que chegas coa faldriqueira chea de posibilidades e de camiños. Choverá algúns días, é certo. Pero tamén haberá doces días de sol escoitando o vento ao pasar. 

Queda tranquila, aquí estarás ben.


5 de diciembre de 2013