26 de febrero de 2016

O abraiante espectáculo da sesión vermú.


Cando apareceu con aquel cativo na sesión vermú ninguén soubo moi ben o que pensar. As vellas comezaron a sacarlle parecidos con aquel tío da avoa que marchara a facer as Américas nos anos 30 ou coa curmá da avoa Milagritos, que marchara cun feirante a Portugal e da que nunca máis se soubera. Non había nada que fixera pensar que aquel neno fose da familia do Francisco, pero para algunhas das vellas que estaban no campo da festa o costume era que o día do Patrón se xuntase a familia para ir á misa e resultáballes difícil comprender que aquel cativo non fose parente dalgún veciño. Certamente, o Francisco sempre facía o que lle petaba e non amosaba respecto algún pola tradición, pero traer a un forasteiro á festa máis importante da parroquia era algo que nunca antes se vira.
Pero os que viñan da cidade a pasar as festas coas súas familias non lle buscaban parecidos. Simplemente pensaron que se trataba dalgún amigo da escola de Ainara ou Brais que viñera pasar uns días no pobo. Ninguén achaba estraño o feito de que fose negro, afeitos como estaban a ver en Compostela a parellas con nenos adoptados. Na maioría das escolas da capital había nenos de moitos países distintos, e de distintas razas e xa a ninguén sorprendía ver xogando nos parques crianzas negras ou chinesas, e moito menos ás propias crianzas, que no último que se fixaban era na cor de pel. E aquela mañá o campo da festa parecía un parque metropolitano, con grupos de nenos correndo dun lado para outro con total normalidade, facendo moi difícil diferenciar aos que eran do pobo dos que viñeran á festa.
Non faltaron as bromas dos homes que ían chegando á barra da tasca ao ar libre que montaran os da comisión de festas. O tema de conversa eran as posibles escapadas nocturnas do Francisco. “E parecía parvo cando o mercamos”- dixo o alcalde pedáneo como unha maneira de iniciar a chanza que todos rían pero que a ninguén facía graza xa. Os catro ou cinco fregueses que acompañaban a Don Celso aquela mañá rían os seus comentarios ou remataban algunha frase sen demasiado entusiasmo e con algo de servilismo herdado tal vez dos seus pais. Unha especie de reverencia ridícula cara á familia rica do pobo que podía empregarche a un fillo na fábrica de cemento ou buscarche un piso en Santiago para que a filla pequena estudara enfermería.
E que dicir de Dona Fina, empoleirada como estaba no medio das mulleres do pobo, presumindo de modernidade por ser quen de tomar o vermú botando un pito sen prestarlle a máis mínima atención a mirada de desaprobación do seu sogro. Ela, que estudara na cidade antes de casar con Celso, gostaba de provocar de cando en vez ao vello xuíz de paz sabendo que era deses homes capaces de montar un cristo se a banda non toca o himno nacional ao paso do Santo. No pobo aínda recordaban a cara que puxera o vello Celso cando a súa nora, casaba había uns meses e xa preñada de Icía, comezou a bailar no medio da rapazada do pobo e quixo metelo a el no medio daquel rebumbio de risas e aplausos. A todos menos a el lles parecera adorábel o detalle de Fina.
A medida que os veciños chegaban ían comentando o do cativo do Francisco e entre as miradas curiosas delas e as risas retranqueiras deles conseguiron que a noticia do día fose un rapaz ao que ninguén coñecía e sobre o que todos comezaban a ter teorías cada vez máis estrafalarias. Entre o ambiente festeiro e o alcol que comezaba a afectar a algúns escoitábanse teorías de todo tipo: que si adoptaran a un neno sen que ninguén o soubera; un neno saharauí no programa de vacacións solidarias; un compañeiro de clase; un acollemento temporal e houbo incluso quen sospeitaba que era un fillo que o Francisco encargara nalgunha das súas estancias en África. O que máis chamaba a atención é que ninguén se achegara a Francisco a preguntarlle, a pesar de que dende que chegara estaba nunha esquina da baiuca falando tranquilamente con Manolo e sen prestarlle a menor atención aos comentarios dos que sen dúbida se sabía protagonista. 
O Francisco sempre fora un tipo raro para o resto do pobo. Aos 18 anos, en principiando a carreira de medicina en Compostela, comezara a colaborar con MSF e cambiou as vacacións nas praias do pobo polos campamentos de refuxiados en países africanos. Iso, e o feito de ter casado cunha arquitecta de Vigo, fixo que durante moitos anos só viñera polo pobo de cando en vez. Moitos quixeron ver nisto unha sinal de fachenda e non faltou quen comentou no bar que ao cativo da Carmen se lle subiran os fumes. Non perdoaban que dende sempre fose o mellor estudante na escola unitaria de dona Luisa, que nunca precisase de clases particulares e que obtivese a mellor nota no selectivo no mesmo ano no que Celso suspendía por segunda vez as probas, despois de estar dous anos nunha academia privada da cidade preparando os exames
Todo cambiou facía oito anos, cando nacera a súa primeira filla. Dende entón pasaba tres ou catro semanas no verán na antiga casa dos avós e conseguira retomar a amizade con Manolo e Braulio, os seus inseparables amigos da infancia.
Cando a orquestra comezou a tocar xa case ninguén reparaba no cativo negro que viñera con Francisco. A rapazada comezara a brincar polo campo da festa  totalmente alleos ás especulacións que provocaba a presenza daquel neno que ninguén coñecía . Parecía que tampouco os cativos do Francisco o coñecían demasiado xa que ían facéndolle preguntas a medida que os outros nenos lles preguntaban a eles.
Finalmente foi Icía, a filla maior do alcalde, a que sentiu a necesidade de vir informar aos maiores sobre o que sabía daquel novo compañeiro de xogos. Así, no que duraba un pasodobre, o pobo enteiro foi coñecendo que o seu nome era Mamalud e que tiña sete anos. A súa mamá era senegalesa e non vivía en Compostela senón nunha casa ás aforas do pobo.
Pero cando a muller de Francisco apareceu polo campo da festa fíxose un incómodo silencio. Viña acompañada por unha rapaza duns 30 anos que acaparou a mirada da maioría dos homes e de todas as mulleres do pobo. A súa pel negra contrastaba co vestido branco que levaba e que a pesar da súa folgura non disimulaba o seu corpo lanzal, as largas e esveltas pernas e os seus firmes peitos. Era unha fermosa muller africada á que se abrazou o cativo como se fixese anos que non a vía.
As dúas mulleres achegáronse a Francisco mentres un pequeno balbordo comezaba a escoitarse debaixo da carpa que a comisión de festas instalara para previr as posibles choivas de agosto.
O cantante do trío que estaba amenizando a sesión vermú decidiu que era o momento de animar a festa e alzando a voz berrou ese mantra que todos os veráns se repite en todas a aldeas do noso país.
-Veña, veciños, imos seguir con esta cumbia para gozar!!!
Pero aquel pobo xa non estaba para festas.
Aquel pobo estaba facendo un xogo de miradas nas que como se das ondas do mar se tratase todos foron chegando á mesma conclusión. A maioría dos homes do pobo sorprendéronse ao ver á rapaza forasteira, pero nalgúns casos esta sorpresa ía acompañada de incomodidade e noutros casos non, segundo o estado civil de cada un deles. Os casados decidiron apartar a vista ou directamente darlle as costas ás dúas mulleres que se estaban achegando a Francisco, os que estaban bailando coas súas mozas preferiron facer coma que non vían nada, e os que non tiñan parella sorriron sen ningún reparo e mesmo saudaron á moza que chegara cun leve xesto de cabeza.
As mulleres tampouco non foron indiferentes á chegada da descoñecida. Sabían que dende sempre existía un prostíbulo na estrada xeral, a dous quilómetros do pobo, e a maioría sabía que os seus homes ou fillos visitaran algunha vez o estabelecemento, pero non contaban que o día da patroa se presentase alí unha daquelas mozas. Pois se unha cousa comezaban a sospeitar os veciños daquel pobo é que aquela moza traballaba naquel local e que desta vez o Francisco fora demasiado lonxe nas súas teimas solidarias.

Pero o que provocou un silencio tal no campo da festa daquel pobo que até o trío deixou de tocar foi que o Alcalde, Don Celso, comezase a mirar para o cativo mulato no preciso momento no que Dona Fina estaba mirando para el. Dona Fina reparou entón en que nese preciso momento estaban xuntiños o seu fillo Gonzalo e o cativo da rapaza do club. E cunha expresión de noxo mirou para o seu marido para descubrir que non so o seu marido, senón o pobo enteiro, estaba mirando para ela, para os cativos e para o propio alcalde que con expresión de asombro polo parecido dos dous nenos parecía estar botando contas.