26 de mayo de 2016

Non corras!!


Estaban diante miña na caixa do supermercado. Un home e unha muller, unha parella de vellos que viñan de facer a compra semanal e agardaban a súa vez para pagar. Xa tiñan todo enriba da cinta e borboriñaban entre eles, organizando seguramente o resto do día, cando de súpeto se decataron de que esqueceran coller o pan.
A muller, pequerrecha e bulideira, marchou na procura do pan mentres o home miraba con cara de circunstancias. A muller, áxil aos seus ben levados setenta anos, calzaba unhas zapatillas de facer deporte violetas, moi modernas, e pasou por diante miña sorrindo, como dicindo hai que ver que cabeciña a nosa! E o home, coñecéndoa, seguramente despois de cincuenta anos de matrimonio, berroulle cariñosamente aquilo de "Non corras!!"
E algo cambiou.
Eu xa estaba imaxinando como sería a vida destes vellotes. Gustoume ver a un home maior acompañando á súa parella a facer a compra en lugar de estar mirando como arranxan as xa famosas fochancas de Compostela. Gustoume que levaran medio quilo de parrochas, que fritidas están riquísimas e un bote de nocilla porque seguramente a fin de semana virán os netos, ou mesmo os bisnetos!! Gustoume o seu xeito de se mirar, de falarse agarimosamente, e como eran pequerrechos coma nós non puiden evitar avanzar trinta anos na miña propia vida e atoparme comigo mesmo e co meu amor facendo a compra un día calquera da primavera do 2046.
E sentinme ben, satisfeito.
Pero cando escoitei ao home dicir "Non corras", do mesmo xeito e co mesmo amor co que eu llo digo vinte veces ao día ás miñas crianzas o mundo mudou. Mirei para el, el sorriume e eu, que non son de sorriso fácil, notei como se me iluminaba a cara e lle devolvía o sorriso. O home algo debeu entender, seguramente intuíu que eu levo un tempo buscando unha confirmación, unha sinal, un algo que lle dea sentido á vida porque cun pequeno e cómplice movemento afirmativo da súa cabeza comprendín que me dicía que o tiña diante dos meus ollos, que o único sentido que pode ter a nosa existencia é aprender a vivila sen correr, saber camiñar e chegar a vellos de maneira serena, coa tranquilidade vital que dan os días ben levados e coa certeza de que non fixemos mal a ninguén.
Pareceume que ese "Non corras" moi ben podería ser para min, que nos últimos tempos ando correndo detrás daquilo que se me escapa sen chegar a saber o que é. Souben que aquel homiño de máis de setenta anos estaba a me contar que o sentido da súa vida era aquela muller pequerrecha con zapatillas de facer deporte, que sempre vai ás presas de tan rebuldeira que é e que se lle di que non corra é porque non hai presa por chegar, o verdadeiramente importante está sempre no camiño, en ser quen de compartilo con aqueles aos que queremos.
E decidín ser feliz no medio do camiño.
Nin antes nin despois.

Aquí e agora que teño todo cando preciso e non necesito máis nada. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario